26/06/17

ACTIVIDADES DO CLUBELÉ NO 3º TRIMESTRE


-O Martes 25 de Abril, foi o día que reanudamos as sesións do Club despois das vacacións e a semana de excursións.
Quedábanos por celebrar a que declaramos SEMANA DO LIBRO. Para este fin fixemos no “Espazo Central” unha EXPOSICIÓN DE LIBROS: NOVAS ADQUISICIÓNS, que complementamos coa Exposición de MARCAPÁXINAS SOLIDARIOS, da que se encargaron as persoas integrantes do CluBeLé por turnos nos recreos, para animar a todxs os que se achegaron interesados a elixir os favoritos e contribuír coa recadación.



-O mes de Maio o comezamos o día 9, lendo relatos curtos de Gustavo Duch. A proposta tiña a intención de dar a coñecer a este escritor e activista comprometido con causas sociais, ecolóxicas, etc, que ten publicados varios libriños pequenos, publicados con atractivas e coidadas edicións. “Relatos de Mucha pequeña gente”. É un autor catalán, que se move polo mundo como activista e escritor, que ten un estilo que segue unha liña parecida á de Eduardo Galeano. Cadaquén leu en alto algún relato e despois os comentamos, tentando aclarar aspectos descoñecidos e promover que o alumnado coñeza certos aspectos das múltiples realidades que vivimos.

-Asistimos ao Acto para celebrar as  Letras Galegas, adicado a CARLOS CASARES, o 16 de Maio a última hora da tarde para 1º e 2º ESO, participando o CluBeLé.

-A última sesión do Club este curso, fixémola o 23 de Maio, coa intención de saír ao exterior e ler baixo as fermosas árbores da nosa contorna, versos seleccionados da Revista LITORAL. EL ÁRBOL. POESÍA Y ARTE, un monográfico con belas ilustracións e poemas de diversos autores e autoras de todos os tempos e lugares. Pero como as condicións meteorolóxicas non o permitiron, fixemos unha sesión de Balance do ano, na Biblioteca. Mostramos e falamos dos últimos libros comprados polo Club, onde atrae o MANGA poderosamente, Ademais de aproveitala para informar e preparar a documentación solicitada para asistir á X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA, a celebrar en Santiago de Compostela o día 17 de xuño. Foron 8 as persoas interesadas que se apuntaron.




-Por último, o martes 30 de Maio foi a EXPOSICIÓN DE TRABALLOS POR PROXECTOS realizados ao longo do curso. E o martes seguinte, día 6, quedamos todos a mediodía para celebrar, cunha COMIDA DE CELEBRACIÓN, todo o feito por parte de todos os Clubs e do profesorado e alumnado implicado que quedabamos a comer cada martes a mediodía, e nos reuníamos entre 3 e 4’15,  antes das clases da tarde.




-Asistimos á X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA, celebrada en Santiago de Compostela o día 17 de xuño. Foron 8 as persoas interesadas que se apuntaron, pero ao final só puideron ir 5, máis a Coordinadora do Club, Paula. Dicir que disfrutamos desta xornada e das actividades programadas, pero o alumnado quedou un pouco decepcionado porque non os colleron nos Obradoiros que solicitaran entre varias preferencias. Para a lembranza queda unha xornada compartida con moita xente nova e o encontro con Ledicia Costas, que con moito gusto "somerxeuse connosco no submarino da lectura".
E engadir que queremos insistir en que a idea é moi boa, pero as datas elixidas para estas xornadas en Xuño son nefastas, tanto para as profesoras como para o alumnado. Deberían organizarse a finais de outubro para comezar con folgos e compartir ideas no inicio de curso.







29/05/17

Enquisa usuarios da biblioteca 2017


Instruccións para cubrir a enquisa:

  • Se es profesor ou profesora, ou membro do persoal non docente, podes facela en calquera momento ANTES DO 20 DE XUÑO .
  • Se es alumna ou alumno, faina cando algun profesor o indique, nunha hora de clase. NON DENDE CASA.
  • Os campos con * vermello son obrigatorios.
  • A enquisa é totalmente anónima. Cúbrea con sinceridade e seriedade, por favor.
  • Preme no botón SEGUINTE para pasar ás seguintes páxinas
  • Ó rematar, preme UNHA SOA VEZ no botón de enviar.
  • Moitas grazas pola túa colaboración.

25/05/17

Día das Letras Galegas


O martes pola tarde o alumnado de 1º e 2º de ESO participou nun pequeno acto homenaxe a Carlos Casares.

Avelino deleitándonos coa súa gran erudición
 e as súas famosas anécdotas





 
Alumnos e alumnas da materia de oratoria, de 1º de ESO, leron un conto infantil escrito por Casares, A galiña azul.









Logo Jones deleitounos cun pequeno rap sobre Carlos Casares.




Despois desfrutamos da interpretación de Lela, por parte de alumnos e alumnas de 2º de ESO, acompañados ao teclado pola nosa fantástica profesora de música, Alicia, e á frauta por a alumna Lucía de 2ºESO



























O alumnado de música de 1º de bacharelato B interpretou a peza O son do ar, de Luar na lubre









Para rematar, entregáronse os premios aos gañadores do concurso de marcapáxinas solidarios e do certame de microrelatos sobre o problema dos refuxiados sirios, organizado dende o Club de Convivencia.



Parabens a todas e todos os gañadores!





19/05/17

Semana do libro: marcapáxinas solidarios


Na semana da conmemoración do día do libro deste curso fixemos unha exposición das novidades mercadas para o club de lectura, sobre todo comics e novelas gráficas, e novelas fantásticas suxeridas polos usuarios da biblioteca.




Ademais, como xa é tradicional, as alumnas e alumnos de plástica de 1º de ESO decoraron os marcapáxinas solidarios enviados pola ONG Save the children e logo os venderon. O diñeiro recaudado dónase integramente a esta organización.




Premiáronse os tres mellores marcapáxinas. Os gañadores foron: 

1º) Alba Villaverde, de 1ºESO C
2º) Alba Viéitez, de 1ºESO C
3º) César Davila, de 1ºESO D

e recibirán un pequeno agasallo no acto de conmemoración do Día Das Letras Galegas.




07/04/17

ACTIVIDADES DO 2º TRIMESTRE NO CLUBELÉ

-Retomamos a actividade no mes de Xaneiro para seguir na liña de traballar letras e mensaxes a través da música, xa que nos dera bos resultados cunha demanda por parte do Club. Así o día 17 escoitamos “Cancións para a PAZ” e en concreto a canción de “El Langui”, que se utilizaría no acto conxunto que se organizou o Día da PAZ no "Espazo Central".


-A finais de Xaneiro, o 31, adicamos a sesión do CLUB a explicar o concepto e á elaboración de CALIGRAMAS relacionados coa idea do BO AMOR, traballando a partir das visións que a cadaquén lle xurdiron, para facer algo creativo e participar na convocatoria do CONCURSO de CALIGRAMAS DO BO AMOR.

-Na sesión do día 14 de Febreiro, vinculamos a esta convocatoria un debate que nos serviu para dialogar sobre o que cada un dos presentes entendían ao redor do AMOR, contando experiencias e pensamentos moi interesantes, que puxeron enriba da mesa unha variedade de sensibilidades que nos fixeron reflexionar profundo.








-O 21 de Febreiro adicamos o noso tempo de mediodía a valorar os traballos expostos, ler os CALIGRAMAS e decidir os favoritos, despois dunha posta en común dos pareceres do CLUB.

-O 8 de Marzo participamos todxs no acto que organizamos no recreo para celebrar o DÍA DA MULLER TRABALLADORA No salón de Actos e no “Espazo Central” do instituto, cantando e danzando entre a coreografía de voces, corpos e os panos de cores.










-Un Recital de POESÍA ADOLESCENTE ocupounos na sesión do 14 de Marzo, que relacionamos con mulleres adolescentes que participaran no Concurso de Poesía convocado pola Fundación Rosalía de Castro. Coa proxección dunha presentación cos textos, promovimos aprender a recitar, e cada un de nós experimentamos o pracer de compartir versos lidos en común, aprezando o bo facer destas xóvenes escritoras.
É certo que varias persoas manifestaron que a poesía non era o que máis lles gustaba ler, pero que si lles atraía a todxs recitar poemas.


-Despois da ponte de Marzo, o martes 4 de Abril a mediodía, decidimos facer marcapáxinas ilustrados para presentar a Concurso cunha finalidade solidaria coa Asociación Save The Children, para despois expoñelos e vendelos para contribuír co diñeiro recadado. A actividade foi promovida polo Departamento de Plástica e polo Club de Lectura, participando preferentemente o alumnado de 1º ESO e os membros do CluBeLé, de 1ºe 2º ESO.






04/03/17

Premios PRIMEIRO CONCURSO CALIGRAMAS

Reunido o equipo de biblioteca con data de 2 de marzo de 2017, e tras contar os votos dos representantes de alumnos, profesores e persoal non docente, acorda:

1º) Entregar un premio a cada curso de ESO, dado o elevado número de caligramas presentados, e para ter unha representación equitativa entre niveis. O traballo mais votado recibirá o premio anunciado dunha cea para dous en NACIÓN GREEN, do C.C. Gran Vía. O resto dos premiados recibirá un agasallo.
2º) O primeiro premio é para o traballo 03, de 4ºESO, correspondente ao alumna Laura Pérez Martínez, de 4º ESO B.
3º) O segundo premio é para o traballo AVR, de 1ºESO, correspondente á alumna Alba Villaverde Rocha, de 1ºESO C.
4º) O terceiro premio é para o traballo JA, de 3ºESO, correspondente a Jessica Abreu Alonso, de 3ºESO C
5º) O cuarto premio é para o traballo NCG de 2ºESO, correspondente a Noa Comesaña, de 2ºESO B.

Os premios repartiranse o día da muller traballadora, 8 de marzo,  no 2º recreo na biblioteca. Rógase aos premiados que asistan ao acto a recollelo, ou perderán o seu dereito a el.


1º PREMIO

2º PREMIO

3º PREMIO

4º PREMIO


22/02/17

Concurso caligramas

03/02/17

Chega San Valentin á Biblioteca


BO AMOR



CALIGRAMAS





Dende a Biblioteca LEDICIA COSTAS, queremos invitarvos a imaxinar e crear CALIGRAMAS.
Un caligrama é unha composición poética, frase, palabra ou texto que adopta unha forma que alude ao seu contido, dispoñendo as palabras de tal xeito que formen unha imaxe (poesía visual).
Pensamos que sería ideal aplicar os caligramas a unha temática tan típica do mes de febreiro e que tanto atrae á mocidade: O BO AMOR.
Non temos máis que deixarnos inspirar por textos poéticos ou prosa alusiva ao tema amoroso, para que aparezan imaxes suxestivas e variadas, segundo a creatividade de cadaquén.
BASES DO CONCURSO:
-Presentarase un texto en forma de CALIGRAMA, con liberdade de creación, de soporte e de extensión, relacionado co tema do BO AMOR.
-Empregarase a lingua que se desexe, pero, en calquera caso, cadaquén revisará o seu texto para evitar faltas de ortografía.
-Entregaranse os traballos ao profesor/a que así o solicite para valorar na súa materia, ou/e na biblioteca nos recreos. 
-O prazo terá como data tope o venres 10 de Febreiro, para poder montar con tempo a exposición no corredor.
-Entregaranse os traballos co nome completo e grupo por detrás, e por diante un pseudónimo e o número do nivel da ESO ao que pertence.
-Haberá algún premio para os caligramas mellor valorados. O primeiro premio consistirá nunha “Cea romántica para dous”.
-Animádevos a participar, pois contar coa vosa creatividade sempre enriquece e está na base das actividades que tentamos dinamizar.


-Van estes exemplos para orientarvos e que xurdan novas ideas: