10/01/17

ACTIVIDADES do 1º trimestre 2016 no CluBeLé.

Toca facer balance das actividades relacionadas co noso Club de Lectura ao longo deste 1º trimestre. Este curso somos unha vintena de almas, sobre todo de 1º e 2º ESO, as que nos xuntamos un martes si e outro non, a mediodía, para falar dos temas que nos interesan a través dos libros, do cinema, da música, ou de calquera medio idóneo para transmitir inquedanzas e impresións sobre o mundo que vivimos, sobre a realidade ou a ficción, que non é máis ca unha re-interpretación do real, e que acaban conformando a nosa cultura a partir desa faceta tan humana que chamamos creatividade.

-A nosa presentación foi o 18 de outubro, adicada a coñecérmonos, a escoitar a cadaquén falar dos seus gustos literarios e dos motivos da súa participación no CluBeLé.

-Tiñamos un programa trazado de antemán, pero como as vivencias cotiás ás veces son contundentes, na seguinte reunión do 8 de novembro, tivemos a necesidade de pararnos ante a figura de BOB DYLAN, que acababa de gañar o Premio Nobel de Literatura. Si, era a primeira vez que un músico, considerado poeta, era galardoado a este nivel. Así foi que escoitamos a súa música, as súas letras, e soubemos do máis salientable da súa vida e época...

-E como a música sempre ten un aquel de especial atractivo, decidimos seguir por esta vía e o 22 de novembro adicamos a sesión a achegarnos ao cuarteto POP máis popular e valorado da historia da música: THE BEATLES, claro!!
Hai grupos intemporais, e tamén, *s membros do noso Club, as novas xeracións, seguen a responder a uns ritmos que marcaron unha ruptura dende os anos 60 do S. XX. Cantamos e bailamos cunha selección dos mellores temas, aprezamos o fondo e a forma, e acabamos "Imaxinando" un mundo diferente da man, como non, do "Imagine" de Lennon.


Ensaio de Imaxine. Inglés e galego. Uxía e Gabriel. Xaneiro 2016. Afgradecemos ao IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas este enlace.

-O 13 de decembro adicamos a sesión a programar o gran acontecemento no que iamos participar en especial o CluBeLé, que era a visita anunciada da escritora LEDICIA COSTAS, antiga alumna deste centro, a quen queriamos homenaxear concedendo o seu nome a nosa Biblioteca Escolar.

-E chegou o gran día, a tarde do marte 20 de decembro! 

*O programa incluía unha primeira parte: a mediodía LEDICIA COSTAS estaría coas persoas integrantes do Club, para falar de Esmeraldina, a pequena defunta, pero tamén doutras tantas lecturas das súas variadas obras que uns e outros fomos lendo e comentando. Hai que dicir que a autora ten un don especial para conectar co público lector, e falar de anécdotas, do proceso de escritura, do oficio, do traballo que comporta inventar e construír historias e transformalas en aprezados libros. 

*A segunda parte desenvolveuse no Salón de Actos, e foi compartida polo alumnado de 1º, 2º e 3º ESO, onde fixemos a 
HOMENAXE Á BIBLIOTECA LEDICIA COSTAS.

O acto foi guiado con xusta solemnidade por Pablo, secretario do centro e profe de Plástica, quen fixo  a entrega do agasallo da fermosa caixa que contiña as impresións de lectores e lectoras sobre os libros da escritora, e foi dando paso aos diferentes participantes: con bo acerto comezamos cunhas notas musicais da man dos irmáns Víctor e     , destros en sacarlle ao violín as notas de Yan Tiersen ou dun tango de Carlos Gardel; Lara e Ainoha que acompañaron a nosa invitada e fixeron a súa presentación con moita soltura; a participación de alumnas e alumnos do CluBeLé e algúns máis, que -unha vez vencida a timidez- subiron a escena para comentar o que lles aportaron as variadas lecturas; e ao fin chegou o momento de mostrar a atractiva placa da BIBLIOTECA LEDICIA COSTAS, ante un público que compartíu a emoción coa escritora homenaxeada. Acabamos o acto coa consabida firma de exemplares e co achegamento lector*s-escritora. Deseguido quedou colocada sobre a porta de entrada da Biblioteca escolar a nova e relucinte placa. Só nos queda agradecer, unha vez máis, a Ledicia Costas a súa presenza, palabras e afecto.



 Ligazón ao album de fotos